Como cidadán galego, como cidadá galega, comprométome publicamente a:
1. Expresarme habitualmente en galego, sempre que isto non cree problemas de comunicación.
2. Educar e falar sempre cos nenos e as nenas en galego, promovendo o orgullo da nosa lingua e a tolerancia a respecto doutras.
3. Apoiar na medida das miñas posibilidades –como lector(a), espectador(a), oínte, colaborador(a), subscritor(a), accionista...– os medios de comunicación que empregan e defenden o uso do galego.
4. Non consumir medios de comunicación que teñen unha liña editorial agresiva contra ao galego.
5. Mercar un libro en galego e asistir a unha representación teatral en galego polo menos unha vez ao mes e ir ao cine a ver as películas en galego.
6. Esixir o atendemento en galego, oralmente e por escrito, por parte de todas as administracións públicas (concellos, deputacións, Xunta, goberno do Estado, Xustiza) e das corporacións prestadoras de servizos ao público que operan na nosa terra.
7. Consumir preferentemente nos comercios e superficies comerciais que teñen unha actitude positiva co galego, especialmente na publicidade, evitando mercar produtos e/ou servizos de empresas belixerantes contra o galego.
8. Combater as discriminacións por razón de lingua, expresándome sempre con firmeza e cortesía.
9. Denunciar a actitude dos poderes públicos e privados que promoven agresións contra o galego e negarme a calquera complicidade coas persoas que as executan.
10. Apoiar as asociacións, forzas sindicais e grupos políticos que usan e defenden a lingua e a cultura galegas.
Todos estes compromisos resúmense en dous: apoiar activamente todas as iniciativas cidadás e empresariais comprometidas coa lingua galega; e non ser cómplice de quen a ataca, despreza, ignora e/ou minusvalora.